Funcionarios de xustiza acusan á Xunta de "tentar botarlle á xente enriba" e fiscais e xuíces din entendelos

12 de abril de 2018

"publicado en galicia confidencial"



Unha concentración nas portas do complexo administrativo de San Caetano, convocada pola delegación autonómica de varios sindicatos, lembrou este xoves á Xunta e, en concreto, ao vicepresidente e conselleiro responsable da área xudicial, Alfonso Rueda, que os funcionarios están dispostos a "non dar marcha atrás" e continuar coa súa folga indefinida, que supera os dous meses, senón hai un acordo "xusto".


Con presenza policial nas portas e acompañados dun cabezudo que representaba ao presidente, Alberto Núñez Feijóo, os funcionarios luciron os seus xa coñecidas camisetas azuis contra a "discriminación", entoaron consignas como "aínda que chova ou aínda que neve, a xustiza non se vende", e portaron carteis --con bolígrafo incluído-- cunha mensaxe para Rueda: "Abre a porta, imos asinar os 300 euros".