EGAP convoca o curso monográfico Violencia de xénero na adolescencia
26 de novembro de 2019
"Publicado no DOG"
Aprobado polo Consello Reitor o programa de actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) para o ano 2019, de conformidade co artigo 6.2 da Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo.
Obxectivos.
A formación presentada neste curso monográfico pretende contribuír á incorporación da perspectiva de xénero nas tarefas que desenvolve o persoal empregado público nos diferentes ámbitos, poñendo o foco na forma en que a violencia de xénero afecta as mulleres adolescentes.
Búscase fomentar o coñecemento e a análise crítica necesaria para a identificación das desigualdades, discriminacións e violencias explícitas existentes contra as adolescentes, de xeito que se posibilite a incorporación destes coñecemento ás actuacións públicas e se facilite o desenvolvemento de estratexias de prevención, detección e intervención.
Persoas destinatarias.
O curso está dirixido ao persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, das administracións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, dos seus entes instrumentais, da Administración de xustiza e das universidades do Sistema universitario de Galicia.
Desenvolvemento.
Lugar: Escola Galega de Administración Pública (EGAP), rúa Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.
Datas: 9, 10, 11 e 12 de decembro de 2019.
Horario de tarde: 16.00 a 19.30 horas.
Duración: 14 horas lectivas. Número de prazas: 50.
Inscrición.
1º. A inscrición nesta actividade formativa só poderá realizarse vía telemática accedendo ao enderezo https://egap.xunta.gal/matricula. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.
2º. Antes de formalizar a súa inscrición nesta actividade todas as persoas deben introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo cos requisitos de selección establecidos no punto 3 desta convocatoria.
3º. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.
4º. O prazo para a inscrición estará aberto desde as 8.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.55 horas do día 2 de decembro de 2019.
Poderá obterse calquera outra información, desde as 8.30 horas ata as 14.30 horas, nos teléfonos 981 54 62 39-981 54 62 41.
Imprimir / Compartir