Bolsa de interinos: subsanación de erros na valoración dos méritos

12 de decembro de 2019

Onte recibimos a seguinte comunicación da Dirección Xeral de Xustiza:


Para o voso coñecemento, damos traslado da incidencia detectada por unha comprobación posterior á reunión Comisión Paritaria que tivo lugar o pasado día 25/11/2019 nas listaxes provisionais de admitidos e excluídos da bolsa de interinos do persoal ao servizo da Administración de Xustiza e que afecta exclusivamente á valoración dos exercicios aprobados das últimas convocatorias de Xestión e Tramitación procesual (ORD/ JUS/1165/2017 e ORD/ JUS/1166/2017). 

Nas ditas convocatorias, a diferenza doutras anteriores, divídese o primeiro exercicio en dous exames: un de tipo test e outro de tipo práctico, debendo os aspirantes superar ambos para poder ter o primeiro exercicio como apto, e pasar así ao segundo. 
Esta diferenza con respecto ás anteriores convocatorias provocou un erro na lectura dos datos efectuada pola aplicación informática, de forma que os datos destas oposicións cargados na OPAX, e que os solicitantes podían ver e validar no seu caso ao cubrir a solicitude, nalgún caso resultaron incorrectos. 
A esta circunstancia engádese que os certificados de notas do Ministerio non fan distinción entre exame e exercicio, de forma que algúns solicitantes achegaron certificados de aprobar o primeiro ou o segundo exercicio cando en realidade, só tiñan aprobado un exame do primeiro exercicio, pero non o exercicio completo. 
Debido a estas circunstancias, é necesario corrixir a baremación de 20 persoas, de maneira que 8 delas pasarían a estar excluídas por non cumprir o requisito específico do artigo 3.1 b) da convocatoria mentres que 12 obterían unha puntuación menor.
A Dirección Xeral notificará individualmente e por escrito aos solicitantes afectados a súa nova situación, concedendo un prazo para alegacións de 10 días hábiles.