Médicos Forenses. Concurso de traslados
20 de febreiro de 2023
"publicado no DOG"
Etiquetas:
Concurso de traslados
,
Medicos Forenses
Vense de publicar no DOG, a RESOLUCIÓN do 25 de xaneiro de 2023, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se convoca concurso de traslados para a provisión de postos de traballo xenéricos vacantes no Instituto de Medicina Legal de Galicia para o corpo de médicos forenses.
Poderán tomar parte neste concurso os funcionarios de carreira pertencentes ao corpo de médicos forenses, calquera que sexa o ámbito territorial en que estean destinados, que reúnan as condicións xerais exixidas e os requisitos determinados nesta convocatoria na data en que remate o prazo de presentación das solicitudes de participación e que os manteñan ata a resolución definitiva do concurso.
Só poderán tomar parte neste concurso os médicos forenses se na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes transcorresen dous anos desde que se adoptou a resolución pola que se convocou o concurso de traslados no cal se lles adxudicou último destino definitivo, ou a resolución na cal se lles adxudicou destino definitivo se se trata de funcionarios de novo ingreso.
As solicitudes deberanse presentar no prazo dos dez días hábiles seguintes ao da publicación simultánea desta convocatoria no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia, simultaneamente, e dirixidas á Dirección Xeral de Xustiza de Galicia.
Se a dita simultaneidade non for posible, os termos e prazos establecidos contaranse, en todo caso, a partir da data da súa publicación no Boletín Oficial del Estado.
As solicitudes poderanse remitir a través da sede electrónica da Xunta de Galicia e por calquera das formas previstas no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Se as solicitudes se presentaren a través das oficinas de Correos, deberán ir en sobre aberto para seren datadas e seladas polo funcionario correspondente antes de seren certificadas.
Os funcionarios destinados en órganos das comunidades autónomas con competencias asumidas presentarán a súa solicitude no órgano correspondente da dita comunidade, e os destinados no ámbito de competencia do ministerio presentarana no Ministerio de Xustiza.
A solicitude para tomar parte neste concurso será única para cada funcionario participante, aínda que se soliciten prazas radicadas no territorio das comunidades autónomas con competencias transferidas, que, polo tanto, figuren nas convocatorias que simultaneamente a esta realicen os gobernos autónomos.
De se presentar máis dunha solicitude de participación, só se terá en consideración a última.
Imprimir / Compartir