O 30 de xaneiro de 2018 o dito director xeral publicou no cibersitio interno dos órganos xudiciais unha instrución na que anunciaba que non ía a conceder permisos de asuntos particulares nin días de vacacións aos funcionarios ao servizo da administración de xustiza durante o mes de febreiro.
Engade, velaí a causa real, que o preaviso dunha folga indefinida a partir do día 7 de febreiro agrava a situación creada polas ditas circunstancias.
Cómpre dicir que a creación de 4 novos órganos xudiciais implican o movemento de 31 funcionarios en Galicia é que só en dous casos (xulgados de primeira instancia Núm. 4 de Ourense e Núm. 12 de Vigo, nos que se moven todos ou a meirande parte dos funcionarios dun dos corpos) pode producirse algunha desocupación.
O “imprevisible” concurso de traslado sucede todos os anos e o director xeral de xustiza nunca tomou – nas dúas últimas lexislaturas- unha resolución tan contundente para protexer aos administrados.
De feito é a Dirección Xeral de Xustiza o organismo competente para nomear os funcionarios interinos que teñen que cubrir as prazas vacantes e ela mesma sabe cales son as ditas prazas, como mínimo, dende o 11 de xaneiro (no caso dos órganos de nova creación) e dende o 08 de xaneiro (no caso dos postos que van quedar baleiros co gallo do concurso de traslado) Mais de medio mes non é tempo abondo para que o director xeral designe os funcionarios interinos precisos para o correcto funcionamento da administración de xustiza?
Os traballadores da administración de xustiza, os avogados, os procuradores e os graduados sociais sabemos que a Dirección Xeral non ten entre as súas prioridades cubrir as vacantes de xeito rápido e eficaz. Afortunadamente, o director xeral recoñéceo por escrito por vez primeira adoptando unha medida inaudita coa que pretende paliar o ineficiente funcionamento do departamento que dirixe.
Evidentemente a denegación dun concreto permiso a un determinado funcionario durante o mes de febreiro fundado nas necesidades do servizo non vulneraría ningunha norma xurídica; pero esta prohibición xeral e preventiva e a intrépida revogación dos permisos xa concedidos a todos os funcionarios en todas as oficinas é un acto fondamente discriminatorio e ilegal.
Sorprende aínda máis se temos en conta que o director xeral de xustiza non adoita ter en conta os informes desfavorables dos directores funcionais das oficinas xudiciais á hora de conceder licenzas e permisos. Intentarei explicarme: se un funcionario da administración de xustiza pide un permiso, antes de que o director xeral resolva é preciso un informe do director da oficina (o letrado da administración de xustiza, o fiscal xefe ou o médico forense, segundo os casos); este informe pode ser desfavorable. Nos dous casos que eu informei desfavorablemente a concesión dun permiso alegando que a oficina quedaba desatendida, Juan José Martín concedeu igualmente o permiso, sen lle preocupar «o funcionamento do servizo público» nin «á tutela efectiva dos dereitos da cidadanía».
A orde foi publicada arredor das 11:00 horas e tras o conseguinte cabreo dos afectados (entre os que non me atopo) os sindicatos denunciaron ao director xeral de xustiza por ter cometido un presunto delito de vulneración do dereito de folga. A iso das 13:00 horas á instrución xa desaparecera da “intranet” de xustiza sen publicar a causa: suspendida cautelarmente polo xuíz de instrución? revogada por unha resolución do Conselleiro ou do propio director xeral? Agachada para evitar outro ridículo?
O eco da puñada do director xeral deixábase de escoitar e, máis unha vez, ficaba en evidencia a súa xestión.
Poden ler a instrución completa, que segue pendurada na sede electrónica da Xunta de Galicia, co seguinte código de verificación seguro: nfmSPpnLU9.