"Inspeccións sorpresa" da Xunta de Galicia aos xulgados

30 de maio de 2018

Dende 1996, data da transferencia da Administración de Xustiza á Xunta de Galicia as inspeccións aos xulgados por parte da propia Xunta de Galicia non existiron, salvo para algunha presentación para os medios de comunicación.

“Lembro aquela vez en que para a presentación da informatización na Audiencia Provincial de Pontevedra instalaron un ordenador, non existían daquela nos xulgados, para que Fraga Iribarne saíra diante dos medios de Comunicación co ordenador e unha vez que marcharon desmontaron o ordenador e marcharon con él.”

Casualidades ou non!!!, é agora, despois de 3 meses de folga cun seguimento espectacular, cando os “inspectores” aparecen polos xulgados identificando aos traballadores, como se de repente pasaramos a ser uns “incumpridores natos”.

Como servidores públicos que somos compartimos que existan inspeccións que melloren o servizo e controlen o funcionamento do mesmo, pero a triste realidade é que único que fan é xerar unha sensación de coacción sobre os traballadores.
Ante a incompetencia á hora de xestionar as inspeccións por parte do “patético” Director Xeral, que mantivo unha folga artificialmente durante 3 meses, xunto aos catro traidores, imos darlle a nosa opinión de como deberían funcionar as inspeccións:

· Inspeccionar o funcionamento das impresoras e fotocopiadoras, o número de impresoras estropeadas, os problemas continuos co tóner, e o tempo na solución de averías das mesmas.

· Preguntar aos traballadores a súa valoración do funcionamento de Lexnet sobre a problemática diaria no seu uso.

· Preguntar tamén aos traballadores polo funcionamento lamentable do programa informático MINERVA e polos erros ortográficos dos modelos de tramitación dos expedientes xudiciais.

· Interesarse polo desenvolvemento da experiencia “piloto” no expediente dixital, para dotar a estes xulgados dos medios tecnolóxicos e materiais máis axeitados.

· Preguntar polos constantes problemas na realización nas vídeoconferencias, a escaseza de aparatos para realizalas, posibles problemas no seu funcionamento, etc..

· Preguntar sobre o material de oficina, boligrafos, mesas, teclados, cadeiras, reposapés, télefonos, aire acondicionado, etc...

· Inspeccionar se os Maxistrados e Letrados Xudiciais están presentes nas dilixencias que marca a Lei.

· Inspeccionar os arquivos xudiciais e propoñer as solucións oportunas. A saturación dos mesmos e a falta de espazo foi denunciada xa ata a saciedade.

A verdadeira defensa do Servizo Público da Xustiza pasa inexcusablemente por poñer os medios para a mellora do mesmo, e para iso é imprescindible que a Administración solicite a opinión dos que traballaran día a día nos Xulgados e dende logo iso non se consigue con inspeccións que no mellor dos casos teñen un fin “revanchista” contra os traballadores que non asumiron un acordo asinado ás costas dos traballadores.





Preme para ampliar