Mesa sectorial: porqué lle chaman negociación cando queren dicir imposición?

12 de xullo de 2019

Logo de ano e medio sen convocar unha mesa sectorial, e “tratando todos os asuntos ás agochadas” na mesa de seguimento do acordo que puxo fin ao conflito (antes chamábanlle folga) a DXX viuse na
obriga de convocar a mesa sectorial de xustiza porque debe darlle traslado ás organizacións sindicais das novas unidades xudiciais e prazas que van a crear antes de comunicarllo ao Ministerio. Doutro xeito, seguiríamos co oscurantismo de tratar todos os temas “entre os amiguetes”


A DXX presentou na mesa a creación de 3 novos xulgados (instancia 14 Coruña, Social 4 de Santiago e Social 6 de Vigo. A previsión da entrada en funcionamento destes xulgados será o 30 de setembro.

As prazas destes xulgados cubriranse mediante comisión de servizos que convocarán nos vindeiros días mediante a publicación na intranet e na páxina web da Xunta; os interesados disporán de 5 días para presentar as solicitudes.

Tamén presentou un cadro coa creación de 28 novas prazas en distintos xulgados da Comunidade. A DXX baseou a proposta destas prazas en varios criterios: consolidar as prazas de reforzo de máis de 3 anos; para as fiscalías, conseguir unha ratio de 1 funcionario por cada fiscal; nos servizos comúns, ter suficientes funcionarios de auxilio para as quendas; para os xulgados das vilas crean 9 prazas de tramitación baseando na ratio de entrada de procedementos con especial atención aos xulgados de violencia de xénero, e algún suposto de xulgado infradotado, A creación destas prazas estaría prevista para final de ano.

Tamén informaron das 11 prazas que xa non serán amortizables nas Audiencias Provinciais. As prazas que aparecen vacantes serán ofertadas para cubrir en substitución.

Dende AXG-CUT valoramos positivamente a creación destas prazas, pero non estamos de acordo con que a administración impoña a creación de prazas sen contar coas organizacións sindicais (polo menos en apariencia) e solicitamos que se estude a creación de máis prazas noutras unidades xudiciais que se atopan en situación crítica pola pendencia de asuntos, que esperamos se vexa reflexada nunha próxima mesa sectorial.