Decreto polo que se ditan as normas para a folga do 8 DE MARZO

5 de marzo de 2021


"publicado no DOG"


DECRETO 38/2021, do 4 de marzo, polo que se ditan normas para garantir os servizos esenciais durante a folga convocada para o día 8 de marzo de 2021.
O artigo 28.2 da Constitución española recoñece, como dereito fundamental da persoa, o dereito á folga. O exercicio deste dereito queda condicionado ao mantemento dos servizos esenciais definidos no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG núm. 116, do 20 de xuño).

A Central Unitaria de Traballadores (CUT), a Confederación Intersindical Galega (CIG), o Sindicato de Oficios Varios da Confederación Nacional do Traballo de Vigo (CNT-Vigo) e o Sindicato de Traballadores e Traballadoras do Ensino de Galicia (STEG), comunicaron unha convocatoria de folga xeral, para todas as mulleres traballadoras de Galicia e todas aquelas persoas que estean sometidas a diferentes violencias patriarcais como reacción ao seu xénero, que se iniciará ás 00.00 horas do 8 de marzo de 2021 e finalizará ás 00.00 horas do día 9, e, especificamente, para as mulleres traballadoras do sector da prensa escrita (xornais) a folga iniciarase ás 00.00 horas do 7 de marzo e finalizará ás 00.00 horas do día seguinte, co que terá tamén unha duración dun día.