25N: Que a diversidade sexa a norma!

25 de novembro de 2021

Baixo o sistema patriarcal, as desigualdades estruturais baseadas no xénero provocan que ser muller sexa un factor de risco para ser diagnosticadas en saúde mental con maior frecuencia e maior gravidade ca un home. De feito as mulleres temos tres veces máis risco de padecer unha depresión, o problema máis frecuente e discapacitante a nivel mundial.

Situación similar acontece na diversidade funcional. Máis da metade de persoas con discapacidade (59,8%) son mulleres, e tres de cada catro persoas destinadas aos coidados de persoas dependentes son mulleres. Ademais, o 59,4% de persoas con diversidade funcional teñen como orixe da limitación un trastorno mental.

O modelo biomédico explica estes datos desatendendo as variábeis socioculturais, esquecendo os roles e patróns de conduta socialmente impostos ás mulleres, pasando por alto todos os tipos de violencia que os nosos corpos e as nosas mentes atravesan día a día, obviando a vulnerabilidade social como causa e non como consecuencia das psicopatoloxías.

Este é o lugar que nos garda ás mulleres a medicina do capital: discapacitarnos e vulnerabilizarnos. Mais nós dicimos: reducir ás mulleres a diagnósticos é violencia; culparnos por padecelos é violencia; facer dunha resposta adaptativa un diagnóstico é violencia. Excluir ás mulleres con diversidades é violencia.

O xénero condiciona de forma directa as experiencias que vive unha persoa. As mulleres somos educadas na empatía, na colaboración, nos coidados, na conciliación e na sensibilidade para logo desenvolvernos nun mundo dominado por homes agresivos, competitivos, independentes, dominantes e decisivos. Así que os nosos sentimientos e valores serán patoloxizados. Isto non é vulnerabilidade, é violencia.

As compañeiras da Secretaría das Mulleres da CUT denunciamos a desatención da situación social como causa real de patoloxizar con máis frecuencia a metade da poboación. Ser muller non é un factor de risco, é que nos condenades e violentades, e non permitiremos que as farmacéuticas e o capitalismo se nutran a costa de debilitarnos. A predisposición a diagnosticar depresión, ansiedade, estrés, a considerarnos discapacitadas e a ser sobremedicadas é un problema estrutural, nunca un problema individual. Resulta urxente que se atendan as causas que emerxen do social e que condicionan os diagnósticos.

Pero o patriarcado quérenos durmidas. O patriarcado quérenos débiles. O patriarcado quérenos sometidas. Diagnostícannos e recétannos psicofármacos para facernos crer que a culpa da nosa situación somos nós. Mais sabemos que é a cultura patriarcal quen nos coloca en saúde mental, quen sesga os diagnósticos, quen insulta a diversidade funcional e quen empeora a nosa calidade de vida e arrasa a nosa autoestima.

Estamos fartas de sufrir un duplo ou triplo estigma por ser mulleres, por ter diversidade funcional e por ter un diagnóstico de saúde mental. Que nos chamen tolas, que nos chamen histéricas, que nos chamen discapacitadas é violencia.

Cuspimos no modelo biomédico, loitaremos contra as etiquetaxes e derrubaremos a golpes de realidade a teoría da vulnerabilidade biolóxica. Os diagnósticos sufrímolos no xénero, no significado social, na construcción simbólica. Sufrímolos na identidade subxectiva, na desigualdade e na situación á que intentan condenarnos. Os nosos corpos e as nosas mentes son máis complexos que os vosos moldes. Non falamos de características propias do sexo, falamos de violencia patriarcal.

Os modelos de masculinidade e feminidade hexemónicos son os que explican grande parte de diagnósticos en saúde mental. O sobrediagnóstico e medicalización recae no xénero, recae na idade, recae no nivel económico, social e educativo: o problema é estrutural. Se a saúde mental e a diversidade funcional empeoran a medida que o fan as consecuencias de vida, a causa é o sistema. A violencia do sistema. As mulleres traballadoras temos salarios máis baixos que os compañeiros homes, traballos xerarquicamente inferiores, menos oportunidades para medrar profesionalmente, maior taxa de desemprego, máis dificultade de acceder ao mercado laboral polo simple feito de ser muller e explotación salarial no caso das diversidades funcionais. Pero non podemos frustrarnos, cabrearnos, angustiarnos nin entristecernos porque o patriarcado colgará en nós unha etiqueta e un psicofármaco.

Para o patriarcado os problemas reais da metade da poboación non son problemas, é un desaxuste emocional, é histeria, é melancolía, é discapacidade. Estamos tolas. Estamos tolas se padecemos, pero tamén estamos tolas se loitamos contra quen silencia o noso desenvolvemento vital, a nosa historia e nos nega os nosos dereitos. Queren facernos ver que mellor caladas e submisas: violencia. Unha poboación satisfeita non precisa de psicofármacos a moreas. Con dereitos e igualdade a teoría do sexo débil non se sostén.

O feminismo non olvida os moldes cisnormativos e de heterosexualidade obrigatoria que o patriarcado esixe.
Clasifican e sinalan a diversidade nas relacións afectivas, nas relacións sexuais e na identidade como causa de peor saúde mental. Esa peor saúde mental derívase da sanción social que impón o sistema por saírse da norma. Máis violencia.

Basta de psicopatoloxizar procesos naturais! Estamos expostas a unha sociedade que nos oprime, nos precariza, nos maltrata, nos usa e nos aparta. Sufrimos maior desigualdade de vida e de traballo. Temos maior carga de traballo doméstico, de coidados, maior índice de exclusión e de discriminación. Somos as máis precarizadas, con peor situación social, económica e vital. O patriarcado quere usar os nosos corpos tamén para medicarnos e etiquetarnos como enfermas mentais, como discapacitadas. Se non es neurotípica, xa podes culparte.

Reivindicamos que a perspectiva de xénero segue a ser unha materia pendente en saúde mental. Dicimos alto e claro que as listas de espera de seis meses, a falta de especialización e a baixa taxa de profesionais en saúde mental son violencia. É prioritario ofrecer servizos públicos de calidade e formados en feminismo. Se os factores de risco aos que se enfrontan as mulleres son diferentes, a súa xestión debe estar especializada. A saúde mental é un dereito transversal da sociedade, xa chega de culparnos e mirar cara a outro lado. Esiximos un tratamento responsábel e eficaz por parte da Administración.

Reivindicamos unha sociedade aberta na que collamos todas: con dereitos e sen medos. Queremos sentirnos protexidas e que a diversidade sexa a norma.